Desde4,00 €
Teatro Colón | A Coruña
03 Outubro 2026 20:00
NIÑO DE ELCHE & GALLAECIA ENSEMBLE BARROCO
Baixo a dirección artística da violinista galega María José Pámpano, Gallaecia Ensemble Barroco e Niño de Elche presentan un novo programa de concerto no que revisitan o repertorio sacro de temática mariana para levalo a outro territorio: o humano, o profano e o íntimo.
A música de Antonio Vivaldi, Heinrich Ignaz Biber, Marco Rosano e outros compositores atravesa o tempo para encontrarse coa voz e coa mirada do presente, nun diálogo no que a música antiga deixa de ser memoria para converterse en materia viva que responde á sensibilidade contemporánea.
Un concerto no que o sacro e o profano atopan un territorio onde mirarse de fronte. Nel, a imaxe do divino transfórmase e a figura de María aparece como reflexo do humano. Porque detrás da icona, da coroa e da imaxe perfecta permanece a nai. E con ela, a infancia. A vulnerabilidade. O medo. O coidado. A perda. Un lugar no que o divino descende. Faise carne. Faise voz. Faise nena. Faise neno. Faise nai.
Gallaecia Ensemble Barroco e Niño de Elche mergúllanse neste territorio para regresar ás músicas do pasado e escoitalas de novo, situándoas diante do noso tempo.
Este proxecto contou para o seu desenvolvemento co apoio das Residencias Creativas Mariñán da Deputación da Coruña e de Fabra i Coats – Fàbrica de Creació.
BIO NIÑO DE ELCHE
Niño de Elche é un artista que leva dúas décadas rompendo e expandindo os límites do flamenco. Na súa continua procura de transformación, a súa linguaxe sonora combina maxistralmente a improvisación libre, o krautrock, a música electrónica, a electroacústica e a música contemporánea coa poesía, a performance, a danza e o teatro. A partir da tradición, explora así novas formas expresivas e constrúe unha linguaxe propia.
Faino desde 2007, ano no que publicou o seu primeiro LP e a partir do cal foi construíndo unha traxectoria que o converteu nunha figura clave das músicas libres actuais.
Entre a súa ducia de álbums destacan Sí, a Miguel Hernández (2013), Voces del Extremo (2015), Antología del Cante Flamenco Heterodoxo (2018), Colombiana (2019) e Cru+es (2025).
BIO GALLAECIA ENSEMBLE BARROCO
Gallaecia Ensemble Barroco é un proxecto musical que busca difuminar as fronteiras entre a música antiga e as composicións contemporáneas. Combina músicas do pasado e do presente nun diálogo que incorpora tamén outras disciplinas artísticas, como a pintura, a poesía e as artes visuais.
Nas súas actuacións, baseadas en prácticas interpretativas historicamente informadas e no uso de instrumentos de época, o conxunto explora todo o potencial do seu son. O seu repertorio inclúe tanto música dos séculos XVII e XVIII como novas composicións, o que o consolida como un grupo pioneiro en Galicia neste tipo de práctica con instrumentos históricos.
NORMAS DE ACCESO AO RECINTO
• Toda persoa que acceda ao recinto no que terá lugar o concerto deberá facelo con entrada, independentemente da súa idade ou de que ocupe ou non butaca.
• Non se admiten cambios nin devolucións das entradas.
• Non está permitida a entrada ao recinto no que terá lugar o concerto con comida nin bebida, agás auga.
• Están reservados todos os dereitos de imaxe e propiedade intelectual dos espectáculos/concertos programados. Non está permitido sacar fotos nin realizar gravacións antes, durante nin ao finalizar o concerto sen a autorización da organización.
• Unha vez comezado o concerto, non se permitirá o acceso á sala.
RECOMÉNDASE:
Actuar con responsabilidade.
Avenida Marina, n7A, A Coruña
15001 A Coruña