Desde11,00 €
Auditorio Sede Afundación A Coruña | A Coruña
09 Novembro 2025 20:00
JUZZ é a banda liderada polo guitarrista galego Virxilio da Silva, un nome, por certo, máis relacionado nun principio coa escena jazzística, aínda que non só se pode cinxir a ese xénero musical. Virxilio, ademais de ter colaborado en numerosas gravacións e directos como sideman ao longo da súa traxectoria, é colíder de bandas como Loiros (Galiza), The Manueles (Galiza), Fuzzo (Galiza), Foxy Freire (Galiza) e Steel Sheep (Holanda), que reflicten a variedade estilística na que este músico se sente especialmente cómodo.
Con este novo proxecto vén presentar os seus traballos máis recentes, froito dos últimos anos de procura e experimentación, cunha música cuxas influencias van desde o rock máis psicodélico e ácido de finais dos sesenta até o jazz, pasando polo pop avant-garde máis experimental, o noise e o stoner rock. Unha música que ten como máxima a procura da liberdade alén da súa clasificación nun xénero determinado, e que aspira, por enriba de todo, a manifestar a súa esencia subversiva.
Completan a formación Rosolino Marinello (saxo tenor), Álex Salgueiro (órgano Hammond), Xan Campos (Rhodes), Felix Barth (baixo eléctrico) e Iago Fernández (batería).
En abril de 2018 lanzan o seu primeiro traballo discográfico homónimo e desde entón teñen tocado en diferentes festivais e salas na Galiza e norte de Portugal, recibindo moi boas críticas do público e da prensa especializada.
Todos os beneficios da venda de entradas destinaranse ao Banco de Alimentos Rías Altas, no marco do programa CULTURA POR ALIMENTOS promovido por Afundación, a Fundación Obra Social de ABANCA, en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL).
Cantón grande, 8, A Coruña
15003 A Coruña