Desde3,24 €
Cidade da Cultura de Galicia. Museo Centro Gaiás. Andar -1 | Santiago de Compostela
03 Marzo 2025 16:30
Baile de entroido no monte Esmeralda | Entroido no Gaiás 2025
Este ano para o baile do Entroido no Gaiás viaxamos ao monte Esmeralda e á iconografía unha saga literaria que fascina a nenos e nenas de todas as xeracións: a do marabilloso mundo de Oz. Unha tarde para toda a familia á que están convidados leóns covardes, pérfidas bruxas, espantallos sabios, monos voadores e ata os magos máis trampulleiros! Poñede os vosos mellores zapatos (prateados ou vermellos) e acompañádenos nunha andaina polo camiño de lousas amarelas e unha tarde de festa rachada!
Para troulear a gusto acompañaranos a música de Pago Nogueiras e non faltará tampouco o noso xa tradicional desfile e concurso de disfraces: espremede ben os miolos para abraiar ao xurado coa orixinalidade do voso disfrace... e se encaixa coa temática do baile, aínda mellor!
C@nto Contigo | Un espectáculo de Paco Nogueiras
C@nto Contigo é máis que un concerto; é unha auténtica festa onde a música e o humor non deixan espazo para o aburrimento! Paco Nogueiras convídanos a unha tarde de troula na que percorremos os grandes éxitos dos seus traballos Brinca Vai!, Radio Bulebule e Extra!, facendo que a nosa lingua voe a través da música dun xeito lúdico e divertido.
Acompañado dos seus instrumentos, Paco Nogueiras mestura unha ampla variedade de estilos musicais: do techno ao rock, pasando polo reggae ou a música electrónica, sen esquecer as influencias da tradición galega. A rapazada cantará e bailará sen complexos nunha viaxe musical na que o público é parte activa dunha experiencia chea de enerxía e bo humor.
Desfile e concurso de disfraces
Dádelle ás á imaxinación para deixar coa boca aberta ao público e ao xurado do noso concurso. Aínda que podedes participar con calquera disfrace, animámosvos a buscar inspiración no rico mundo do país de Oz para acompañarnos nesta xornada de festa no monte Esmeralda, xa que esta temática será especialmente valorada, xunto coa orixinalidade, á hora de seleccionar os disfraces gañadores.
E aínda que o obxectivo principal é pasalo ben, poderedes levar convosco un agasallo especial do artista convidado, Paco Nogueiras, e un lote de libros en galego!
Info práctica
— Espectáculo familiar
— Entrada: 3 € (+gastos de xestión) á venda en Ataquilla.com ou no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás
— Todas as persoas (adultas e menores de idade) deben adquirir unha entrada para acceder ao espectáculo
Programa da festa
Descontos
— Descontos do 20% sobre o prezo da entrada para: persoas xubiladas, desempregadas, en situación de discapacidade, familias de especial consideración (artigo .9 Lei 3/2011, de 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia), persoal laboral da Cidade da Cultura de Galicia e entidades residentes, estudantado e persoal laboral das universidades galegas, Carné xove, e integrantes do Club Gaiás.
Cidade da Cultura de Galicia, Edificio Museo Centro Gaiás, Monte Gaiás s/n, Santiago de Compostela
15707 Santiago de Compostela