‘Corentena’. Perdomo e Touriñán en directo
Durante os meses de confinamento en 2020, David Perdomo e Xosé A. Touriñán comezaron a conversar en directo a través de Instagram. Naquelas noites, improvisaban diferentes personaxes e interactuaban cos espectadores que se conectaban a estes vídeos en directo.
Agora, e baixo o título de ‘Corentena’, dan o salto aos escenarios nun formato no que Touriñán e Perdomo pretenden pasalo tan ben ou mellor que o público trasladando aos teatros a frescura daquelas noites de comedia.
En ‘Corentena’, os dous cómicos rescatan algúns dos personaxes recorrentes daqueles directos, recreando de xeito artesanal os efectos e filtros cos que se caracterizaban, e tamén nacen novas historias nun espectáculo no que a improvisación e a complicidade co público son as protagonistas.