Desde3,24 €
Cidade da Cultura. Museo Centro Gaiás | Santiago de Compostela
30 Novembro 2024 16:00
Que cores empregamos para plasmar os berros? Como debuxamos a tristeza ou a soidade? E a empatía?
Posiblemente é un obradoiro en familia contra as violencias machistas a través do que descubrir o poder da expresión artística en conxunto. Nesta actividade teredes a oportunidade de participar dunha auténtica xincana no interior dun museo! Cada familia formará un equipo para aventurarse nun xogo de probas dentro da exposición 'Outras historias posibles' no Museo Centro Gaiás e coñecer as obras de moitas creadoras contemporáneas que quedaron ocultas no relato hexemónico da historia. Se todas estas mulleres eran quen de canalizar as súas emocións a través da arte, por que vós non? Para demostrar que é posible, o obradoiro tamén conta cunha parte de creación onde cada familia poderá reflectir nun gran lenzo as sensacións que lles provoque unha historia que lles será contada previamente.
O xogo e a creación en conxunto son unha ferramenta fundamental para incentivar a escoita, a colaboración e a igualdade de participación. Este obradoiro pretende ser unha canle para o fomento do respecto e a igualdade, así como a concienciación e sensibilización sobre a violencia machista a todos os membros da familia.
Primeira parte: misión (im)posible
Nesta primeira parte do obradoiro mergullarédesvos na exposición ‘Outras historias posibles’ para realizar unha auténtica xincana no interior do museo. Cada familia recibirá un caderno – misión no que atopará todas as probas que debe superar. Deste xeito, os nenos e nenas poderán achegarse á exposición e descubrir a historia destas artistas dun xeito lúdico e dinámico.
Segunda parte: mentes creativas
Na segunda parte do obradoiro convertédesvos nas artistas! Ao inicio da dinámica, contarase a historia de dúas nenas que, aparentemente, teñen a mesma vida que a de calquera das cativas e cativos participantes pero, ao afondar na súa situación, veremos dúas historias moi diferentes representativas do bo e mal trato. A través de pinturas, texturas e recortes, as persoas participantes poderán expresar o que lle provocan estas situacións. Deste xeito, os pais e nais verán dunha forma moi representativa como afectan certas emocións á cativada.
Ao final da sesión, haberá tempo para poñer en común as creacións resultantes, dando pé ao diálogo para compartir sensacións.
INFORMACIÓN PRÁCTICA
Actividade pensada para gozar en familia.
Cada membro da familia debe adquirir a súa entrada.
Data: sábado 30 de novembro de 2024
Duración: 3 horas.
Horario: de 16 a 19 h.
Lugar de encontro: Espazo REGA 1 (Museo Centro Gaiás)
Idade recomendada: a partir de 3 anos.
Capacidade: 45 persoas.
Cidade da Cultura de Galicia, Edificio Museo Centro Gaiás, Monte Gaiás s/n, Santiago de Compostela
15707 Santiago de Compostela