Menú
«O baile das esculturas» | Entroido no Gaiás

«O baile das esculturas» | Entroido no Gaiás

Desde3,24 €

Cidade da Cultura. Edificio CINC. Salón de Convencións | Santiago de Compostela

16 Febreiro 2026 16:30

ENTROIDO NO GAIÁS

O baile das esculturas

Neste entroido 2026 as esculturas do museo cobran vida, baixan do seu pedestal e organizan un gran baile. Como serían as esculturas se puideran moverse e bailar? Como vestirían? Que cores levarían? Este ano, convidamos aos nenos e nenas a reimaxinar a obra de Asorey e convertila nun gran baile de esculturas!

Unha visita á exposición Francisco Asorey, unha recuperación necesaria bastará  para percatarse de que no museo habitan personaxes moi distintos: aviadores, escritores con bigote, labregos e labregas, xente da burguesía, animais que parecen saídos dun conto como un xatiño, un lobo ou un gato e, sobre todo, roupas fermosas e coloridas.

Este baile de entroido é un convite a deixar voar a imaxinación e gozar non só da festa, senón tamén dos preparativos, do momento de fantasear sobre que traxe levar ou como reinterpretar estampados e teas. Convidamos á cativada e maiores a facer o seu propio traxe con tecidos e materiais reutilizados como telas vellas, sabas, panos, cartón ou brillos!

A tarde estará chea de música dende o comezo coa pinchada musical de Marifaltri, un concerto do tributo Lembra Xabarín e un obradoiro de danza urbana da man de Vella Escola e, por suposto, o xa tradicional concurso de disfraces!

Dádelle ás á imaxinación para deixar coa boca aberta ao público e ao xurado do noso concurso de disfraces. Este ano, o xurado camiñará entre o público ao longo da tarde para premiar os mellores traxes! Animámosvos a buscar ideas nas esculturas de Francisco Asorey e nos personaxes que habitan o museo: labregos e labregas, animais, figuras históricas, tecidos, cores e formas que parecen saír da pedra para cobrar vida. E, aínda que o obxectivo principal é pasalo ben, as persoas premiadas poderán levar un agasallo especial inspirado en Xabarín Club, así como un lote de libros en galego.

Info práctica

— Espectáculo familiar

— Entrada: 3 €  (+gastos de xestión) á venda en Ataquilla.com ou no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás

— Todas as persoas (adultas e menores de idade) deben adquirir unha entrada para acceder ao espectáculo

Programa da festa

  16.30 h | Apertura de portas e comezo do baile con Picadiscos Marifaltri

  17.30 h | Concerto Tributo Lembra Xabarín

  18.30 h | Obradoirode danza urbana con Vella Escola

  19:30 h | Anuncio dos premios

  Peche do recinto ás 19.45 h

— Descontos do 20% sobre o prezo total para:

·       Persoas xubiladas

·       Persoas desempregadas

·       Persoas en situación de discapacidade

·       Familias de especial consideración (artigo .9 Lei 3/2011, de 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia)

·       Persoal laboral da Cidade da Cultura de Galicia e entidades residentes

·       Estudantado e persoal laboral das universidades galegas

·       Carné xove

·       Integrantes do Club Gaiás

Como

chegar

Monte Gaiás s/n, Santiago de Compostela

15707 Santiago de Compostela