Desde0,00 €
Sede Afundación Santiago de Compostela | Santiago de Compostela
12 Decembro 2024 19:00
O xoves 12 de decembro, MARÍA ACASO intervén no ciclo EDUCACIÓN S. XXI na Sede Afundación de Santiago de Compostela, coa charla titulada «Hoxe máis ca nunca. Do mercado da arte ao pensamento artístico», na que explicará como utilizar a arte e a creatividade para mudar o mundo, como empregar o pensamento artístico para realizar unha transformación social. O Art Thinking é un marco de acción desde o que cambiar a concepción tradicional da educación, é o marco de aprendizaxe ideal co que acceder ao coñecemento das disciplinas máis variadas.
MARÍA ACASO
María Acaso (Madrid, 1970) é doutora en Educación artística e traballa desde o 2002 como profesora titular na Facultade de Belas Artes da Universidad Complutense de Madrid, posto que compaxina, desde o 2010, co seu labor de socia fundadora do colectivo de arte e educación Pedagogías Invisibles.
Canda á súa actividade académica, desenvolveu proxectos relacionados coa arte contemporánea e a educación nas principais universidades e centros de arte internacionais. Algúns destes proxectos tiveron lugar na Hochschule der Künste Bern (Suíza), Universität zu Köln (Alemaña), Universidad Autónoma de México, The Bergen National Academy of The Arts (Noruega) e en NYU, Colby College, The New School of Social Research, The School of the Arts Institute of Chicago, Harvard e Stanford (EE. UU.).
No terreo das institucións culturais, traballou para KHW (Alemaña), Alumnos 47 e Laboratorio de Arte Alameda (México), MUSAC, Cac Ses Voltes, Fabra i Coats, MACBA, Matadero Madrid, Tabakalera, Alcalá 31, ARCO (España), OPAM (O Xapón), Museo de la Memoria (Chile), IX Bienal de Mercosur (O Brasil); Lugar a Dudas, NC-arte, Museo de Antioquia e Museo de Arte Moderno de Medellín (Colombia); Culturgest (Portugal), MoMA e Getty Museum (EE.UU.), entre outras. Nos últimos anos, merecen atención os proxectos experimentais «Ni arte ni educación» (2015-2016, Matadero Madrid), «¿Dónde está la Oficina de Mediación?» (2016-2017, LABoral, Xixón) e «Educar la institución» (2017, Centro Nacional de Arte Contemporáneo Cerrillos, Chile). É presidenta do Comité Asesor en Arte Ciudadano de la Fundación Daniel y Nina Carasso en España desde 2016 e ten publicado numerosos libros, entre os que destacan Art Thinking. Transformar la educación a través de las artes (Paidós, 2017) e La educación artística no son manualidades (Los Libros de la Catarata, 2009). O seu blog «mariaacaso.es» é un referente internacional en educación artística.
Esta conferencia enmárcase dentro do programa CULTURA POR ALIMENTOS, en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos para incrementar os recursos do banco de alimentos local. Invitamos todas as persoas que asistan a este evento a colaborar con esta campaña solidaria coa doazón de produtos non perecedoiros, que poderán depositar á entrada do recinto.
CICLO EDUCACIÓN S. XXI
Un programa de conferencias para dar a coñecer as últimas tendencias, estudos e teorías sobre Educación a toda a comunidade escolar, desde as familias ao propio estudantado e, por suposto, ao equipo docente. Grandes especialistas xa pasaron polos nosos edificios nas distintas cidades galegas, ofrecendo o seu enfoque profesional para apoiar a educación desde a casa e desde a escola.
MÁS INFO AQUÍ.
Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
15705 Santiago de Compostela