Sede Afundación A Coruña

Sede Afundación A Coruña
O edificio da sede da Afundación na Coruña, un proxecto do arquitecto británico Nicholas Grimshaw, achega unha obra vangardista ao patrimonio arquitectónico da cidade e de Galicia e completa a fisonomía do Cantón Grande permitindo, grazas a un enorme corredor interior, que o propio inmoble funcione como vía de conexión entre a rúa da Estrela e os Cantóns. O seu deseño aseméllase á crista dunha onda mariña penetrando nos Cantóns e rompendo nunha fachada de cristal retroiluminada; supón unha reinterpretación das características galerías da Mariña. Este edificio, xa coñecido como "A onda de cristal", combina dous materiais -o pétreo, de longa tradición na arquitectura galega, e o metálico- con gran plasticidade, outorgando protagonismo á luz cenital.
Concibido como centro sociocultural de referencia, nos seus 7692 metros cadrados, cunha orixinal e eficiente distribución, dispón de espazos equipados coa máis avanzada tecnoloxía para a celebración de exposicións, espectáculos, simposios, conferencias e un amplo elenco de actividades e obradoiros; ademais, o centro conta con cafetaría propia.
O Royal Institute of British Architects (RIBA) concedeu en 2006 a esta construción un dos premios europeos, que distingue o traballo realizado por membros do RIBA en todo o mundo. Trátase dun edificio 100 % accesible e que conta coas certificacións ISO 14001 e Emás.
A sede Afundación A Coruña, xestionado por un equipo de excelentes profesionais con ampla experiencia na organización de actos, é un lugar único para celebrar eventos ou reunións de traballo.

Próximos eventos en Sede Afundación A Coruña

Ataquilla.com

Leva as túas entradas no móbil
Infórmate