Porto Maresía: Guadi Galego "Xira Costuras"
outras-musicas

Porto Maresía: Guadi Galego "Xira Costuras"

Teatro Afundación Vigo Vigo

28 novembro 2021 - 19.30 h.

desde* 11,00 €

* Prezo mínimo sen comisión

Merca entradas Porto Maresía: Guadi Galego "Xira Costuras" Vigo .

O AFORO DESTE CONCERTO ESTARÁ SUXEITO AOS CAMBIOS ESTABLECIDOS EN CADA MOMENTO POLAS AUTORIDADES SANITARIAS.

OS MENORES DE IDADE PODERÁN ACCEDER AO RECINTO PAGANDO A ENTRADA CORRESPONDENTE E TERÁN QUE ESTAR ACOMPAÑADOS POLO SEU PAI, NAI OU TITOR LEGAL.

Porto Maresía

O sentir especial que experimentamos ao intuír o recendo do salitre logo de pasar tempo lonxe do mar. O sabor a mar que nos fai sentir como na casa. Iso é Porto Maresía: a música que nos traslada ata o lugar que é o noso fogar.

A música, como o mar, arrólanos, sacódenos, refréscanos, mergúllanos. Apodérase de nós e sempre volvemos a ela. E, aínda que estiveramos un tempo lonxe das cancións en directo, era tempo de regresar. Benvidos a Porto Maresía: concertos con sabor a sal.

Un ciclo auténtico cunha selección de artistas galegos que aúnan, baixo a súa figura, a tradición e os estilos máis actuais e variados da nosa escena, a ritmo de pop, rock ou canción de autor.  Herdeiros da Crus, Ortiga, Andrés Suárez e Guadi Galego conforman a grella de excepción desta primeira edición de Porto Maresía, que atracará en Vigo e A Coruña a última fin de semana do mes de novembro. Todos eles representan -cada cal á súa maneira- o poder do autóctono, das nosas orixes, dunha identidade única e singular.

Os sons ao vivo destes catro artistas danlle forma e sentido a un ciclo que, organizado por Art Music co apoio da Xunta de Galicia e do Xacobeo 21-22, reivindica o poder da cultura galega, para difundir a nosa riqueza lingüística e musical nun evento festivo, atractivo e de calidade, que pon en valor o noso legado inmaterial.

Non deixedes de descubrir Porto Maresía: talento que bebe das nosas raíces e a nosa contemporaneidade da man de músicos que deleitarán as máis diversas xeracións. 

Guadi Galego

Domingo 28 de novembro

Apertura de portas: 18.45h / Concerto: 19.30h

Teatro Afundación (Vigo)

Guadi Galego é unha das artistas máis relevantes da escena galega actual, froito dunha andaina musical que comezou sendo moi nova. No 1997 entra en Berrogüetto como vocalista, pianista e gaiteira, e grava con eles tres discos.  Viaxe por Urticaria (1999) e Hepta (2001) foron ben recibidos pola crítica e acadaron varios premios e recoñecementos (entre eles, o de Mellor Grupo Folk Europeo de 2000 e unha candidatura aos Grammy Latinos de 2002). Logo chegou 10.0 (2006), que acadou o segundo Premio Opinión a Mellor Disco Gallego do ano e foi candidato aos Premios da Música co seu tema Xente. Por aquel entón, Guadi xa comezaba a experimentar con diversas sonoridades en formacións como o seu proxecto máis íntimo e persoal Espido (con Guillerme Fernández) ou [email protected] (con Abe Rábade e Ugia Pedreira), ambas galardoadas co Premio ao Mellor Disco Galego.

No 2009 inicia a súa carreira en solitario con Benzón, álbum aclamado pola crítica galega e española, sen deixar de participar noutros proxectos. Así, no ano 2012, sae o disco aCadaCanto, proxecto intimista onde traballa unha vez máis con Guillerme Fernández, acompañada tamén por Xabier Díaz na voz e Xosé Lois Romero no acordeón. No 2014 ve a luz o seu segundo traballo en solitario, Lúas de outubro e agosto, e, no 2016, ano no que recibe o Premio Martín Códax da Música á Mellor Artista na categoría de Canción de Autor, sae o terceiro, O mundo está parado. Este disco viaxa do persoal á reflexión colectiva sobre cuestións como a identidade e a coherencia, elaborando unha sonoridade envolvente con recendo a pop que reaparece no EP Bóla de cristal (2018).

En 2019 estreou Immersion, unha relectura musical e lingüística das súas obras máis recentes da man de artistas como Iván Ferreiro, Clara Peya, Xabier Díaz ou Lisandro  Aristimuño. Este álbum valeulle o Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe no Estado español. Tras unha xira e un ano marcados pola pandemia, Guadi Galego lanza no 2020 Costuras: dez cancións que viaxan desde mundos asociados á súa infancia ata o presente máis duro e á vez esperanzador.

Con este traballo demostra, unha vez máis, que é unha artista que non deixa experimentar, manténdose sempre fiel a súa esencia. A madurez das súas letras e o atrevemento das súas melodías e propostas converten a Guadi Galego nunha xoia da nosa música, sen a cal non se entende a nosa actualidade artística. A súa capacidade para a composición, a versatilidade e a sensibilidade á hora de interpretar son, de novo en Costuras, os acenos de identidade da artista. Con temas que falan desde a súa infancia ata o presente máis duro e esperanzador, o álbum aúna dez cancións de Guadi e Carlos Abal, con tres colaboracións: as das poetas Antía Otero e Mariña Oural e a da cantante catalá Paula Grande. A produción musical, a cargo de Olivera Estudi, dá un novo aspecto ás creacións de Guadi, entrando en campos electrónicos, sen esquecer a súa parte máis orgánica, para crear texturas únicas dentro do pop.

Mercar entradas Porto Maresía: Guadi Galego "Xira Costuras" Vigo .