Merca entradas N.E.V.E.R.M.O.R.E. (a caixa negra do Prestige) de Chévere Santiago de Compostela .
SINOPSE
Coincidindo co 20 aniversario da catástrofe do Prestige, prolóngase a xira da obra para facer as últimas funcións de N.E.V.E.R.M.O.R.E.
Empezamos a idear este traballo en marzo de 2020. Cando a chegada dun virus demostrou que todo pode mudar. Que o mundo pode parar. Aí decatámonos do rápido que o esquecéramos. Dous anos despois comprobamos o enorme esforzo que se fixo para que todo volva ser coma antes. E o fácil que é deixarse convencer outra vez. Así que decidimos contar unha historia para non esquecer tan facilmente que as cousas poden ser doutro xeito. Chamámola N.E.V.E.R.M.O.R.E.
N.E.V.E.R.M.O.R.E. é a resposta indescifrable que o corvo do poema de Poe dá unha e outra vez ás preguntas dun home que perdeu o que máis quería. N.E.V.E.R.M.O.R.E. podería ser un S.O.S. emitido á desesperada no código internacional de sinais marítimos. Ou o acrónimo dunha gran corporación que sabe que hai sitios con xente que se poden sacrificar para que todo siga funcionando como ata agora.
Para nós N.E.V.E.R.M.O.R.E. é unha forma de acudir á memoria colectiva dun deses pobos que se poden borrar do mapa sen que pase nada. Un pobo que, así e todo, en decembro de 2002 fixo seu o berro do corvo e non se deixou convencer polas mentiras daqueles que aseguraban que todo volvería ser coma antes. Contar esta historia é tamén un conxuro para desfacer o feitizo que sigue rodeando a catástrofe do Prestige, convertida nunha metáfora estrañamente perfecta desa cultura do petróleo que nos impide ver que hai máis alá da catástrofe, coma se non puidésemos habitar outro lugar que non sexa ese.
Desgarradora, demoledora, original, sarcástica, vehemente, ácida, directa, impecable.
Fernando Muñoz Jaén, Vista Teatral
El humor, la inteligencia, la alegría colectivas frente a la mentira política y mediática.
Laura Corcuera, El Salto
Toda la pieza es teatro de primera, con seis intérpretes en estado de gracia
Javier Ortiz, Teatro Magazine
Un traballo extraordinario, valente e sutil
Manuel Rivas
Um retrato cheio de talento cénico da miséria dos nossos governantes
Carlos Taibo
FICHA ARTÍSTICA
Idea e creación: Chévere
Dramaturxia e dirección: Xron
Reparto: Miguel de Lira. Patricia de Lorenzo, Borja Fernández, Mónica García, Tone Martínez, Arantza Villar
Axudante dirección: Nekane Fernández
Espazo escénico: Carlos Alonso
Espazo sonoro: Xacobe Martínez Antelo
Vestiario: Uxía P. Vaello
Iluminación: Fidel Vázquez
Son: Xurxo Pinheiro
Montaxe: Quique Martínez Antelo
Coprodución: Centro Dramático Nacional e Chévere co apoio de Agadic – Xunta de Galicia.
Colabora: Auditorio de Galicia / Concello de Santiago de Compostela
Duración: 110 minutos
Tódalas melodías interpretadas na obra proceden do cancioneiro tradicional galego. Cancións: "E o corvo dixo Nevermore" adaptación de "Canto de andar o camiño de Bembibre" recollido por Leilía no seu disco "Leilía". "Alalá das Mariñas" recollida por Faustino Santalices, cantada por Uxía Senlle ao rematar a manifestación do 1 de decembro de 2002 na praza do Obradoiro. "Maneo de Cances da Vila" (Carballo), recollido á Sra Carmen por Davide Salvado xunto con Raigañas de Cerqueda e Xiradela. "Muiñeira de Silván", recollida e arranxada por Xurxo Fernandes, interpretada con paixón por PAN.SEN.FRON.
A COMPAÑÍA
Chévere é unha compañía de axitación teatral con 35 anos de traballo ao lombo, que soubo manter con naturalidade unha proposta de creación propia tan irreverente como xenuína. En 2014 recibiu o Premio Nacional de Teatro, polo seu compromiso social e cultural e pola súa coherente traxectoria de creación colectiva, transgresión de xéneros e conexión crítica coa realidade.
Desde 1987 Chévere actuou en centos de aldeas, vilas e cidades de toda Galicia, España, Portugal e outros países europeos, latinoamericanos e africanos. Fixo espectáculos de moi diferentes estilos e formatos e traballou en espazos pouco convencionais: na rúa, en barcos, aeroportos, carpas de circo, escaparates, ríos, portos, radios, bares, aulas... Usando o humor como filosofía, a risa como expresión e o pensamento crítico como ferramenta, as súas obras confrontan no palco os debates do presente coa memoria dun pasado recente que nos afecta, documentándoo escénicamente cunha linguaxe contemporánea accesible a públicos moi diversos. Exemplos deste modus operandi foron traballos como N.E.V.E.R.M.O.R.E. (2021), As Fillas Bravas e o Mito de Casandra (2020), Curva España (2019), Eroski Paraíso (2016), As Fillas Bravas de Momán (2014), Ultranoite no País dos Ananos (2014), Eurozone (2013), a triloxía Citizen (2010-2011) ou Testosterona (2009).
Mercar entradas N.E.V.E.R.M.O.R.E. (a caixa negra do Prestige) de Chévere Santiago de Compostela .