Abono CURVA ESPAÑA 4/11 + N.E.V.E.R.M.O.R.E. 11/11
teatro

Abono CURVA ESPAÑA 4/11 + N.E.V.E.R.M.O.R.E. 11/11

Auditorio de Galicia Santiago de Compostela

desde* 20,00 €

* Prezo mínimo sen comisión

Merca entradas Abono CURVA ESPAÑA 4/11 + N.E.V.E.R.M.O.R.E. 11/11 Santiago de Compostela .

SINOPSE CURVA ESPAÑA

Coincidindo co 35 aniversario de Chévere (1987-2022), faise a xira de despedida de Curva España. Unha das últimas oportunidades para ver esta obra.

Coma outras veces, Chévere parte dunha historia moi local. Nesta ocasión trátase dun relato que se foi transmitindo oralmente de xeración en xeración entre a xente da comarca de Verín (Ourense): a historia da curva na que se matou o enxeñeiro José Fernández España en 1927, cando traballaba no trazado ferroviario de acceso a Galicia entre Puebla de Sanabria e Ourense.

Curva España trata sobre un crime aparentemente sen resolver, unha morte violenta que provoca sospeitas e interrogantes sobre os seus autores, motivacións e consecuencias. A partir da existencia de distintas versións sobre o caso, artellamos unha peza que bebe do xénero policial, ironiza sobre o formato documental combinando teatro e cine en directo e funciona como unha alegoría da construción do estado nación español coma se fose a promesa dun tren que nunca chegou.

Curva España é unha adaptación a escena do formato deses documentais sobre crimes reais que inzan as plataformas de contidos audiovisuais. O escenario funciona coma un plató no que se van executando, gravando e editando en directo as distintas secuencias nas que se estrutura a historia. Unha historia que dá para falar da España Baleirada, das consecuencias da Lei Mordaza sobre a liberdade de expresión, da unidade nacional ou de como a xente constrúe narrativas alternativas á historia oficial. Pódese describir como unha obra cinescénica, unha autoficción documental ou un trhiller, sen renunciar a seguir facendo un teatro político que fala de nós mesmos e de como as promesas incumpridas do pasado afectan ao presente.

 

Unha obra intelixente, honesta e afouta.

Frabice Corrons

Un atrevimiento que nos invita a jugar, a fabular, y a repensar el terreno que pisamos.

Afonso Becerra

Chévere xoga con honestidade e humildade, deixándolle ao público o papel do detective que establece como sucederon os feitos.

Manuel xestoso

Una propuesta astuta, repleta de capas, extraordinariamente inteligente y que trata al espectador con igual inteligencia.

Ángel Esteban

El montaje es hipnótico, embelesante, divertido, ágil, magnético, fascinante y constituye todo un brillante ejercicio de teatro documental.

José Miguel Vila

 

FICHA ARTÍSTICA CURVA ESPAÑA

Reparto

Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Lucía Estévez e Leticia T. Blanco

 

Equipo artístico/técnico

Dramaturxia/dirección: Xron

Deseño de iluminación: Fidel Vázquez

Espazo audiovisual: Lucia Estévez, Leticia Blanco, Laura Iturralde

Espazo sonoro: Xacobe Martínez Antelo

Vídeo: Lucía Estévez

Vestiario: Renata Uzal

Gráfica: Oscar Villán, Iván Suárez

Comunicación: Xana García

Produción: Inés Portela

Produción executiva: Patricia de Lorenzo

Unha coprodución de Chévere con Teatros del Canal, MIT Ribadavia e Concello de Teo. Apoia: Agadic-Xunta de Galicia

 

Duración: 90 minutos

SINOPSE  N.E.V.E.R.M.O.R.E.

Coincidindo co 20 aniversario da catástrofe do Prestige, prolóngase a xira da obra para facer as últimas funcións de N.E.V.E.R.M.O.R.E.

Empezamos a idear este traballo en marzo de 2020. Cando a chegada dun virus demostrou que todo pode mudar. Que o mundo pode parar. Aí decatámonos do rápido que o esquecéramos. Dous anos despois comprobamos o enorme esforzo que se fixo para que todo volva ser coma antes. E o fácil que é deixarse convencer outra vez. Así que decidimos contar unha historia para non esquecer tan facilmente que as cousas poden ser doutro xeito. Chamámola N.E.V.E.R.M.O.R.E.

N.E.V.E.R.M.O.R.E. é a resposta indescifrable que o corvo do poema de Poe dá unha e outra vez ás preguntas dun home que perdeu o que máis quería. N.E.V.E.R.M.O.R.E. podería ser un S.O.S. emitido á desesperada no código internacional de sinais marítimos. Ou o acrónimo dunha gran corporación que sabe que hai sitios con xente que se poden sacrificar para que todo siga funcionando como ata agora.

Para nós N.E.V.E.R.M.O.R.E. é unha forma de acudir á memoria colectiva dun deses pobos que se poden borrar do mapa sen que pase nada. Un pobo que, así e todo, en decembro de 2002 fixo seu o berro do corvo e non se deixou convencer polas mentiras daqueles que aseguraban que todo volvería ser coma antes. Contar esta historia é tamén un conxuro para desfacer o feitizo que sigue rodeando a catástrofe do Prestige, convertida nunha metáfora estrañamente perfecta desa cultura do petróleo que nos impide ver que hai máis alá da catástrofe, coma se non puidésemos habitar outro lugar que non sexa ese.

Desgarradora, demoledora, original, sarcástica, vehemente, ácida, directa, impecable.

Fernando Muñoz Jaén, Vista Teatral

 

El humor, la inteligencia, la alegría colectivas frente a la mentira política y mediática.

Laura Corcuera, El Salto

 

Toda la pieza es teatro de primera, con seis intérpretes en estado de gracia

Javier Ortiz, Teatro Magazine

 

Un traballo extraordinario, valente e sutil

Manuel Rivas

 

Um retrato cheio de talento cénico da miséria dos nossos governantes

Carlos Taibo

 

FICHA ARTÍSTICA N.E.V.E.R.M.O.R.E.

Idea e creación: Chévere

Dramaturxia e dirección: Xron

Reparto: Miguel de Lira. Patricia de Lorenzo, Borja Fernández, Mónica García, Tone Martínez, Arantza Villar

Axudante dirección: Nekane Fernández

Espazo escénico: Carlos Alonso

Espazo sonoro: Xacobe Martínez Antelo

Vestiario: Uxía P. Vaello

Iluminación: Fidel Vázquez

Son: Xurxo Pinheiro

Montaxe: Quique Martínez Antelo

Coprodución: Centro Dramático Nacional e Chévere co apoio de Agadic – Xunta de Galicia.

Colabora: Auditorio de Galicia / Concello de Santiago de Compostela

 

Duración: 110 minutos

 

Tódalas melodías interpretadas na obra proceden do cancioneiro tradicional galego. Cancións: "E o corvo dixo Nevermore" adaptación de "Canto de andar o camiño de Bembibre" recollido por Leilía no seu disco "Leilía". "Alalá das Mariñas" recollida por Faustino Santalices, cantada por Uxía Senlle ao rematar a manifestación do 1 de decembro de 2002 na praza do Obradoiro. "Maneo de Cances da Vila" (Carballo), recollido á Sra Carmen por Davide Salvado xunto con Raigañas de Cerqueda e Xiradela. "Muiñeira de Silván", recollida e arranxada por Xurxo Fernandes, interpretada con paixón por PAN.SEN.FRON.

A COMPAÑÍA

Chévere é unha compañía de axitación teatral con 35 anos de traballo ao lombo, que soubo manter con naturalidade unha proposta de creación propia tan irreverente como xenuína. En 2014 recibiu o Premio Nacional de Teatro, polo seu compromiso social e cultural e pola súa coherente traxectoria de creación colectiva, transgresión de xéneros e conexión crítica coa realidade.

 

Desde 1987 Chévere actuou en centos de aldeas, vilas e cidades de toda Galicia, España, Portugal e outros países europeos, latinoamericanos e africanos. Fixo espectáculos de moi diferentes estilos e formatos e traballou en espazos pouco convencionais: na rúa, en barcos, aeroportos, carpas de circo, escaparates, ríos, portos, radios, bares, aulas... Usando o humor como filosofía, a risa como expresión e o pensamento crítico como ferramenta, as súas obras confrontan no palco os debates do presente coa memoria dun pasado recente que nos afecta, documentándoo escénicamente cunha linguaxe contemporánea accesible a públicos moi diversos. Exemplos deste modus operandi foron traballos como N.E.V.E.R.M.O.R.E. (2021), As Fillas Bravas e o Mito de Casandra (2020), Curva España (2019), Eroski Paraíso (2016), As Fillas Bravas de Momán (2014), Ultranoite no País dos Ananos (2014), Eurozone (2013), a triloxía Citizen (2010-2011) ou Testosterona (2009).

Mercar entradas Abono CURVA ESPAÑA 4/11 + N.E.V.E.R.M.O.R.E. 11/11 Santiago de Compostela .