Galiverso somerxido
varios

Galiverso somerxido

Museo Centro Gaías - Sala Seminario Santiago de Compostela

Do 5 de abril ao 30 de xuño

0,00 €

* Prezo mínimo sen comisión

Merca entradas Galiverso somerxido Santiago de Compostela .

Galiverso somerxido é unha viaxe única para descubrir o patrimonio galego oculto baixo as nosas augas. Desde o Museo Centro Gaiás, montados nun batiscafo e coa axuda das lentes de realidade virtual, exploraremos os fondos mariños da costa galega, aprendendo sobre a fauna e flora que habita neles, así como sobre episodios históricos singulares nos que o mar foi protagonista. Unha travesía que busca tamén concienciar sobre a importancia histórica, económica e medioambiental dos nosos mares e a necesidade de coidalos.

A sala dispón de 6 cadeiras con cadanseu equipo de realidade virtual, e a exploración do Galiverso somerxido realízase de maneira simultánea. Unha narración —en galego, castelán ou inglés— acompaña a viaxe, ofrecendo instrucións sobre o funcionamento do batiscafo e explicacións da fauna, flora, obxectos e lugares que se poden ver no fondo mariño. 

Os retos do Galiverso somerxido

A produción do Galiverso somerxido supuxo importantes retos para a captura das imaxes submarinas: pouca visibilidade, inmersións a gran profundidade (ata 38 metros), limitacións de tempo de traballo (10 minutos por cada inmersión), o deseño dunha cámara 360º con carcasas específicas para a gravación en estéreo e tamén a creación en 3D do batiscafo virtual desde o que se vive a experiencia.

Superar estes desafíos implicou a participación de expertos de diversos ámbitos: submarinismo, historia da arte, comunicación e divulgación, bioloxía, arte dixital, patrimonio, etc., dando como resultado unha experiencia de realidade virtual como nunca antes se fixo en España. Realizáronse un total de 18 inmersións en 12 xornadas que incluíron probas de iluminación, a fotogrametría de máis de 200 m² do fondo mariño e vídeos en 360º realizados con distintos tipos de cámaras e un ROV submarino.

En terra, especialistas do Museo do Mar de Vigo e do Museo Massó de Bueu colaboraron no modelado dos restos arqueolóxicos que se poden ver e manipular no Galiverso somerxido, como a ánfora romana ou o astrolabio, e tamén do propio batiscafo no que viaxan as persoas visitantes durante a experiencia virtual. 

Ademais, realizouse un modelado en tres dimensións de diversas especies mariñas que viven nas nosas augas coa axuda de expertos en bioloxía, para asegurar o realismo tanto no seu aspecto como no seu hábitat e conduta. Un reto especial foi a creación dun banco de 35.000 peixes (sardiñas) e a simulación do seu comportamento mediante intelixencia artificial.

A expansión do Galiverso

Galiverso é unha iniciativa da Xunta de Galicia que emprega as tecnoloxías inmersivas e de realidade virtual co obxectivo de amosar o noso patrimonio material e inmaterial (artístico, industrial, arquitectónico, natural, etc.) dun xeito diferente. Unha ventá aberta ao futuro Centro de Artes Dixitais de Galicia que permite á cidadanía galega e ás persoas visitantes participar deste camiño de creación dun centro pioneiro en España, e poñer en valor o potencial das nosas industrias culturais e creativas nas contornas virtuais.

Información práctica

  • Acceso gratuíto con reserva previa de praza a través de Ataquilla.com e no Museo Centro Gaiás

  • Última hora de acceso: 14.00h pola mañá e 19.30h pola tarde

  • Galiverso somerxido é accesible a partir dos 8 anos de idade. Os menores de 12 anos deben ir acompañados/as dunha persoa adulta responsable

  • Cada sesión ten unha duración aproximada de 25 minutos

Mercar entradas Galiverso somerxido Santiago de Compostela .